Novos obxectivos europeos para a reciclaxe

Nova directiva de residuos da UE

Trala aprobación da Directiva europea que establece novos obxectivos en materia de reciclaxe de residuos domésticos, o Complexo Medioambiental Serra do Barbanza fai un chamamento á colaboración entre as administracións implicadas na súa consecución (local e autonómica) para establecer de xeito urxente as pautas de actuación necesarias para acadar os mesmos, fomentando a prevención, a compostaxe e a reciclaxe nos concellos que xestionan os residuos no Complexo.

A día de hoxe as cifras de reciclaxe do complexo atópanse entorno ó 37%, tratándose da instalación con mellores resultados das existentes en Galicia -e mesmo do Estado, en recuperación de envases. Porén, mellorar esta cifra e acadar os obxectivos marcados pola Unión Europea pasa por mellorar os hábitos de separación nos fogares e impulsar a compostaxe de materia orgánica. A reciclaxe dos restos de comida, que supoñen o 50% do lixo xerado a diario, só é posible se se depositan no contedor axeitado, transformándoos na planta en compost. Ademais, as cifras de reciclaxe mellorarían coa implantación da compostaxe doméstica nas vivendas que dispoñan de horta, obtendo así o seu propio compost para os cultivos.

Fondos dispoñibles para impulsar a compostaxe caseira

Cómpre lembrar que grazas á colaboración do Complexo Medioambiental Serra do Barbanza na tramitación da documentación para a súa solicitude, o Ministerio de Medio Ambiente ten concedido á Mancomunidade Serra do Barbanza unha subvención para a implantación da compostaxe caseira, así como a mellora da recollida selectiva da materia orgánica. Pese a ter transcorridos xa 8 meses dende que se anunciou a concesión desta partida, polo de agora descoñécese a súa posta en marcha por parte da Mancomunidade. Unha activación que se fai se cabe máis necesaria logo de fixarse estes novos obxectivos.

Cifras de reciclaxe a lograr a medio prazo

Co fin de avanzar cara unha economía circular, Europa crea unha Directiva que modifica a Directiva 2008/98/CE sobre os residuos, incrementando os obxectivos establecidos en materia de preparación para a reutilización e de reciclado de residuos. Así, se o obxectivo actual establece que para o 2020, a preparación para a reutilización e o reciclado de residuos municipais acadará un mínimo do 50% en peso, a actual Directiva establece que:

  1. Para 2025, aumentarase a preparación para a reutilización e o reciclado de residuos municipais ata un mínimo dun 55% en peso;
  2. Para 2030, aumentarase a preparación para a reutilización e o reciclado de residuos municipais ata un mínimo dun 60% en peso;
  3. Para 2035, aumentarase a preparación para a reutilización e o reciclado de residuos municipais ata un mínimo dun 65% en peso.

A materia orgánica presente nos residuos municipais que se transforme en compost contabilizarase como reciclada. Os residuos que se sometan a valorización enerxética, incineración ou depositados en vertedoiro non poderán ser contabilizados a efectos da consecución dos obxectivos de reciclado.

Os Estados membros garantirán que, a máis tardar o 31 de decembro de 2023, a materia orgánica debe ser separada en orixe para a súa compostaxe en planta (a Mancomunidade xa dispón do sistema de contenerización que o permite), ou compostada en orixe (compostaxe caseira ou comunitaria).

Ademais, respecto á materia orgánica, os Estados membros adoptarán medidas para:

  1. Incentivar a súa reciclaxe a través da compostaxe, tanto en planta como a través da compostaxe doméstica.
  2. Fomentar o uso do compost producido.

Instrumentos para acadar os obxectivos

A nova directiva europea 2018/815 do 30 de maio deste ano modifica a directiva 2008/98/CE sobre os residuos. E neste novo marco xurídico, os estados membros deberán facer uso de instrumentos económicos e doutras medidas a fin de proporcionar incentivos para a aplicación da xerarquía de residuos. Estas son algunhas das ferramentas a empregar para acadar os obxectivos:

  1. Campañas de concienciación pública, en particular sobre a recollida separada, a prevención de residuos e a redución dos vertidos de lixo, e inclusión destas cuestión na educación e na formación.
  2. Sistemas de coordinación de todas as autoridades públicas competentes que participan na xestión de residuos.
  3. Promoción continua do diálogo e a cooperación entre todos os interesados na xestión dos residuos e fomento dos acordos voluntarios e a presentación de informes sobre residuos por parte das empresas.
  4. Taxas e restricións aplicábeis ás operacións de depósito en vertedoiros e incineración de residuos que incentiven a súa prevención e reciclaxe.
  5. Sistemas de pago por xeración de residuos que impoñan taxas segundo a cantidade real de residuos xerados e proporcionen incentivos para a separación en orixe dos residuos reciclables e para a redución dos residuos mesturados.
  6. Sistemas de depósito e devolución e outras medidas para incentivar a recollida eficiente de produtos e materiais usados.
  7. Incentivos económicos para as autoridades rexionais e locais, en particular para fomentar a prevención de residuos e intensificar os sistemas de recollida separada, evitando apoiar o depósito en vertedoiros e a incineración.

Os Estados membros porán en vigor as disposicións legais, regulamentarias e administrativas precisas para dar cumprimento ó establecido na presente Directiva a máis tardar o 5 de xullo de 2020.