Practica a compostaxe

A compostaxe é un proceso natural no que interveñen numerosos organismos vivos que transforman os restos de comida, da horta ou do xardín nun produto chamado compost, un fertilizante rico en substancias minerais e nutrientes, beneficioso para o crecemento vexetal.

Ao reciclar a materia orgánica, reducimos o volume de lixo, contribuíndo á minimalización da contaminación e dos problemas asociados á xestión dos residuos (cambio climático, dioxinas, ruídos...) e pechamos o ciclo da materia orgánica.

POSIBLES PROBLEMAS E SOLUCIÓNS:
Cheiros: Remexer e engadir materiais secos.
Demasiado seco: Engadir auga ou restos húmidos.
Aparecen mosquiñas: Cubrir sempre os restos de comida e froita con herba, folla ou céspede.
Presenza de roedores: Colocar unha malla metálica debaixo do composteiro.
Temperaturas moi baixas: Engadir máis material ou facer a morea máis grande.

TODO VAI BEN SE...
Aparecen miñocas, cochinillas, caracois...: son os encargados de converter os residuos en compost.

O volume baixa moito: iso é bo sinal: a masa de residuos está a fermentar.
O compost cheira a terra: xa está listo para usar na horta ou nas plantas.

A Compostaxe caseira en 6 pasos:

1. INSTALAREMOS O COMPOSTEIRO nun recuncho da horta ou xardín protexido dos ventos dominantes e, a poder ser, baixo a sombra dunha árbore de folla caduca, que o abeire do sol no verán e que permita o seu paso no inverno.
2. PARA COMEZAR colocaremos o composteiro directamente sobre a terra, no fondo poñeremos ramas, restos de poda, toxos picados ou piñas. Esta capa permitirá a drenaxe e da circulación do aire, e así evitaremos que os residuos se compacten no fondo.
3. MISTURAREMOS un caldeiro de material estruturante (follas, herba seca, restos de poda triturados, etc.) por cada caldeiro de restos húmidos (restos de comida, froita, céspede, etc.).
4. CUBRIREMOS OS RESTOS DE COMIDA da superficie con restos de herba, céspede ou folla, evitando así a aparición de mosquiñas.
5. AIREAREMOS E GARANTIREMOS HUMIDADE engadindo material estruturante e remexendo a capa superior. Se os restos contidos no composteiro estivesen moi secos, engadiremos auga. Se estivesen moi húmidos, engadiremos restos secos (follas, herba seca, restos de poda triturados...) e remexeremos.
6. E XA TEMOS O COMPOST esperaremos 6-7 meses, sen deixar de botar residuos, e no fondo do composteiro xa poderemos atopar o compost feito. Abrimos a porta inferior, retirámolo e usámolo para abonar a horta, o xardín ou plantas de interior.

Descarga esta e máis información sobre a compostaxe

Clica sobre a imaxe para descargar o manual que desexes.

Manual de compostaxe caseira
Compostaxe nos centros de ensino
Practica a compostaxe