Abordamos con María Rodríguez Lafuente, responsable de Residuos de Adega e coordinadora do programa educativo “O lixo desde o teu Concello” que cada ano poñemos en marcha dende o Complexo Medioambiental Serra do Barbanza, a compostaxe caseira, un método método de tratamento da materia orgánica, compatible co tratamento en planta e que aporta moitas vantaxes para a cidadanía e o medio ambiente. Con ela coñecemos algo máis desta xestión dos residuos orgánicos.
-En que consiste a compostaxe doméstica?
Trátase de xestionar os residuos orgánicos pero dentro da vivenda. Realmente non hai diferenza co que se fixo sempre: ou ben dedicalo para alimentación animal ou facer unha pila para esterqueira e logo abonar a finca. Dende Adega subministramos un composteiro comercial que facilita un pouco o traballo de facer compost, é máis limpo e estético, pero realmente o proceso é o mesmo que se leva facendo toda a vida. A principal diferenza con outros tipos de compostaxe é que a xestión dos residuos se fai dentro do recinto da vivenda, na horta, no xardín, na finca… A persoa encárgase de xestionar o composteiro, obtén o compost e emprégao. Pecha o ciclo de forma directa.
-Que residuos se tratan nos composteiro doméstico?
Todo o residuo que sexa orgánico. Todo o orgánico é biodegradable e polo tanto é compostable. Hai cousas que tardan máis, coma as cunchas ou os osos, e outras que enseguida se descompoñen como as espiñas dos peixes, os restos de froita… En principio todos os restos orgánicos serven: cáscaras de ovo, restos de comida cociñada ou crúa…
-Que requisitos se precisan para realizar a compostaxe doméstica?
O fundamental é separar a materia orgánica do resto do lixo. Logo é simplemente preciso tratalo nunha esterqueira ou pila na horta.
O proceso de compostaxe
-Como é o proceso?
Hai dous tipo de residuos orgánicos que é preciso combinar para lograr o compost. Por unha banda están os residuos da comida, que proceden da cociña, que son residuos húmidos, de descomposición rápida, ricos en nitróxeno… Logo nunha vivenda tamén están os residuos vexetais procedentes de restos de poda, que son restos de madeira que van aportar carbono e que son de descomposición lenta. O ideal é mesturar uns residuos cos outros. Por exemplo, a un caldeiro de restos da cociña, de restos de tomates… habería que mesturarlle un caldeiro ou caldeiro e medio de resto de poda triturada ou restos de herba seca. Estes últimos son os estruturantes posto que a súa labor é dar estrutura ó compost. Temos que pensar que o proceso de compostaxe é un proceso de fermentación onde os primeiros que actúan son bacterias e fungos, que precisan osíxeno. Se, por exemplo, contamos cun caldeiro de restos da cociña, con restos de tomates que podrecen, iso forma unha pasta e no interior dela non hai aire, entón no canto de fermentar e compostar o que acontece é que podrece, e aparecen cheiros. Iso non sería unha compostaxe. Por iso é moi importante mesturar distintos tipos de residuos.
-Entón con este proceso non hai cheiros nin escorreduras?
Se a mestura de materiais se fai ben non existen eses problemas
-É un proceso complexo?
Non, para nada. Nas enquisas que facemos, a xente di que non adica máis de 15 minutos á semana a xestionar o composteiro. Todo vai co ciclo natural. No outono as follas serven como estruturante para combinar cos restos húmidos, logo na época da poda empréganse eses restos, tamén se pode utilizar como estruturante herba do xardín que se deixe secar…
-Precísase un composteiro artificial ou abonda con xestionalo nunha pila no xardín?
Non, para nada. Pode xestionarse nunha pila ou esterqueira como se fixo sempre. Os composteiros simplemente son unha alternativa máis estética, ideal para vivendas con hortos ou xardíns pequenos. A vantaxe que lle vexo eu ó composteiro fronte á esterqueira é que naquelas casas que non teñen animais que poidan alimentarse de boa parte dos restos da cociña pero si teñen unha horta, estes restos botados nunha esterqueira ó aire libre poden propiciar que algúns animais como aves ou gatos veñan a por eles e a remexer. No composteiro está pechado e evitas iso.
Ademais de intercalar os tipos de residuos, é preciso remexer e voltealos ó longo do proceso?
Non é preciso voltealos. Se está mesturado xa se evita que se faga pasta ó contar con aire. Temos que entender que todos os descompoñedores que traballan neste proceso son aeróbicos, é dicir precisan aire, e temos que darlle as condicións axeitadas para que eles traballen. Hai que ter en conta que un composteiro duns 320 litros de capacidade pode chegar a asumir os restos dunha casa cunha media de catro persoas durante case todo o ano. O 80% dos residuos orgánicos é auga polo tanto vai ir minguando.
-Cando sei que o compost está listo para utilizar?
Normalmente os composteiros teñen unha comporta inferior na que se accede ós residuos máis antigos, cando se observa que ten aspecto de terra xa está listo para empregar. Logo tamén depende de cal sexa o uso que lle queiramos dar ó compost deberá ter unhas características ou outras. Se o imos empregar para sementeira ou para xardinería temos que ter un compost moi maduro, que teña máis dun ano, que sexa un produto estable que xa non evolucione máis. Porén se o queremos para a horta, para abonar no canto de esterco, aínda que estea a medio facer xa nos vale porque completa o ciclo xa na terra.
-Canto tempo precisamos para ter un compost maduro?
Depende do coidado que se faga do composteiro, do volume e frecuencia con que se aporten residuos, pero se comezamos de cero en sete meses xa temos unha capa de compost no interior do composteiro. Logo é máis rápido. Nós sempre recomendamos que deixen un pouco de compost a medio facer para que queden aí os descompoñedores e se axilice. Deste xeito, logo é continuo, sácase o compost pola parte inferior e vaise botando por encima.
-E se xorden dúbidas, onde se poden resolver?
Temos un manual na web de Adega onde se resolven dúbidas e logo nos programas que temos cos concellos facemos un seguimento e asesoramento no que resolvemos as cuestións que se lle presenten ós usuarios.
-Que é o que máis sorprende á xente cando comeza a realizar a compostaxe caseira?
Cando repartimos o composteiro a xente sempre di que ese composteiro non lle vai chegar e logo sorpréndese de como van minguando os residuos. Tamén adoita sorprender a temperatura que alcanza no proceso de fermentación, que pode chegar ós 40 ou 50 grados.
Optar por esta xestión do lixo orgánico
-Por que é importante compostar deste xeito?
O importante é compostar. Para aquela xente que ten un espazo onde se poida facer, como unha horta, este sistema é ideal porque os residuos xa non saen da casa e no canto de ser unha xestión de residuos é prevención. Este é un xeito de colaborar co medio ambiente e de obter un recurso. Pero non todo o mundo pode optar por este método entón xa nos iriamos á compostaxe comunitaria ou a recollida de residuos orgánicos para o seu tratamento en plantas como a do Complexo Medioambiental Serra do Barbanza, que tamén elaboran o compost.
-Que presencia ten a compostaxe doméstica en Galicia?
A proporción en Galicia é moi cativa aínda que hai distintas iniciativas nesta liña, queda relegada a unha cuestión voluntaria e non se fomenta o necesario, non hai un apoio claro por estas propostas. Aínda que cada vez ten máis sona non hai un proxecto real sobre isto, sobre todo cando unha das principais problemáticas que hai na xestión de residuos é a dispersión da poboación e o composteiro caseiro é un xeito ideal para atallar iso.