Do 17 ó 25 de novembro celébrase a Semana Europea de Prevención de Residuos, unha iniciativa que ten como principal obxectivo promover e implantar durante 7 días accións de sensibilización sobre recursos sostibles e a xestión dos residuos. No Complexo Medioambiental Serra do Barbanza buscamos abordala dende unha perspectiva creativa e involucrando á comunidade educativa.
Por iso, en colaboración con Adega, propuxémoslle a tódolos centros de ensino da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza a realización dun mural ou unha exposición temática na que se aborde “Como reducir os residuos?”. O resultado final do conxunto de murais creados nos centros educativos participantes publicaranse na web oficial da Semana Europea de Prevención de Residuos e na web e facebook do Complexo Medioambiental do Barbanza. A iniciativa máis popular no facebook do Complexo Medioambiental do Barbanza (quen teña máis “gústames”) terá como agasallo un paquete de libros sobre residuos e medio ambiente (para o centro de ensino) e cantimploras para reducir o consumo de botellas plásticas (para o alumnado da aula gañadora).
Unha Semana Europea
Esta proposta educativa enmárcase precisamente nun dos obxectivos marcados para esta Semana Europea: fomentar accións sostibles para reducir os residuos. E neste senso é cada vez máis imprescindible involucrar ás novas xeracións de aí que a concienciación ambiental e a divulgación de prácticas sostibles estea a ser unha das tarefas claves do día a día no Complexo Medioambiental Serra do Barbanza.
Ó amparo desta Semana Europea procúrase dar a coñecer estratexias na redución de residuos e a política da Unión Europea e dos estados membros en materia de tratamento do lixo. En definitiva, esta conmemoración permite tamén facer públicos os esforzos e traballos a prol da redución de residuos. Todas estas propostas procuran modificar o comportamento da cidadanía para conseguir unha redución real do lixo que se produce diariamente.
32.000 toneladas de residuos
No Complexo Medioambiental Serra do Barbanza xestiónanse ó ano 32.000 toneladas de residuos producidas nunha área que conta cunha población fixa de pouco máis de 86.000 habitantes. Se ben é certo, que a Mancomunidade do Barbanza ve incrementada a súa poboación no estío debido a que se trata dunha zona moi turística, o que provoca que a xeración de residuos nesa época sexa un 21% superior á media anual. Neste contexto é fundamental a concienciación da poboación para contribuir dun xeito directo a unha redución da produción de residuos, tanto na época estival coma o resto do ano. Sobre todo, é moi importante fomentar unha correcta separación en orixe que permita recuperar residuos e converter en compost a fracción orgánica.