A falta de renovación dos camións provoca incidencias na recollida do lixo

Nos últimos días volveron repetirse deficiencias na recollida do lixo en distintos puntos da zona do Barbanza. Unha situación que o Complexo Medioambiental Serra do Barbanza lamenta polas incomodidades que supón para os veciños e cuxo único responsable, unha vez máis, é a Mancomunidade Serra do Barbanza, que leva 5 anos adiando a renovación da frota de vehículos de recollida o que deriva nestes problemas no servizo. As claves para comprender esta situación son as seguintes:

  1. As deficiencias na recollida débense á falta de camións para asumir o servizo. O Complexo conta cunha media de menos de 4 camións para este cometido, dunha frota inicial de 9. Un número de vehículos claramente insuficiente para asumir as necesidades deste territorio, máis aínda na época de verán cando se ve incrementada a poboación (cando pasa dos 86.000 habitantes ós 110.000 residentes nunha área que comprende uns 500 km2 de superficie).

 

  1. Cando algún deses camións rexistra unha avaría, unha situación moi habitual dado que todos eles superaron xa a súa vida útil, non hai medios suficientes para asumir a recollida. Ademais estas avarías son cada vez máis frecuentes dada a carga de traballo á que están sometidos estes camións, con tres quendas de recollida diarias.

 

  1. A Mancomunidade é quen debe asumir a renovación dos camións, tal e como se recolle no contrato. Un tema que leva adiando 5 anos, xa que estaba estipulado que se renovase a frota de camións no 2013. Dende ese momento o Complexo informa puntualmente ó ente supramunicipal da necesidade de renovar os camións e das incidencias que isto ocasiona.

 

  1. Estes problemas non son froito de ningún tipo de batalla ou falta de entendemento entre a Mancomunidade e o Complexo senón que derivan só dun incumprimento claro e prolongado do contrato por parte da Mancomunidade.

 

  1. A Xustiza xa responsabilizou á Mancomunidade dunha crise similar acontecida a principios do ano pasado, onde a falta de camións motivou que o lixo quedara sen recoller. A sentenza do Contencioso, que se coñeceu hai apenas un mes, responsabiliza á Mancomunidade da situación ó non ter asumido a renovación da frota.

 

  1. A día de hoxe, 5 anos despois do que estipula o contrato, a Mancomunidade só entregou ó Complexo Medioambiental Serra do Barbanza 3 novos camións o pasado mes de maio (2 bicompartimentados e 1 monocompactador) para a renovación da frota. Ningún dos vehículos cumpre as especificacións sinaladas no contrato. Non é un capricho que o Complexo non queira estes camións senón que incumpren gravemente normativas de seguridade. Os camións non cumpren cos propios pregos do contrato.

 

  1. Dende o Complexo non se comprende como a Mancomunidade puido aceptar uns camións que non reúnen as características especificadas no contrato e que son indispensables para asumir o servizo, con incumprimentos tan flagrantes como que o vehículo pequeno, destinado a acceder a viais estreitos, supere as dimensións especificadas e non poida acceder a determinadas zonas. É dicir, non sirva para o seu cometido.

 

  1. Non só os informes do Complexo dan conta de que os novos vehículos non se adecúan ás especificacións do contrato senón que onte mesmo o organismo de certificación homologado pola Xunta de Galicia, ratificaba que os vehículos non cumpren as condicións de seguridade mínimas para o seu uso.

 

  1. Pese a todo iso, a Mancomunidade acaba de dar orde ó Complexo de comezar a operar con eses camións, aínda que non cumpran o contrato e incluso incumpran a normativa de seguridade en tódolos casos.

 

  1. Ademais, da frota de camións en propiedade, a Mancomunidade segue sen arranxar 4 vehículos que levan meses, nalgúns casos preto dun ano, avariados e sen iniciarse a súa reparación.

 

  1. Namentres, coincidindo coa entrega dos novos camións, pero antes de que estes comezasen a operar, a Mancomunidade devolveu dous dos camións alugados, que eran imprescindibles, reducindo o número de vehículos dispoñibles para o servizo. Ademais, os tres camións de aluguer que quedan están permanentemente avariados, xa que están moi fóra da súa vida útil igualmente e axudan pouco ou moi pouco.

 

  1. As deficiencias que impiden poñer en funcionamento os novos, a devolución dalgúns dos alugados, o mal estado dos alugados restantes e as continuas avarías do resto de camións provocaron unha deficiencias no servizo de recollida pese ó esforzo de traballadores e a empresa reorganizando rutas e servizos, esforzo onde xa levan comprometidos preto de 5 anos. Estes problemas débense a incapacidade técnica provocada pola Mancomunidade.

 

Ademais das deficiencias directamente relacionadas coa recollida, persisten dende fai tempo outras relacionadas co adecuado tratamento do lixo, basicamente relacionadas coa recollida selectiva e o traballo de compostaxe da instalación e que son tamén consecuencia do incumprimento do contrato por parte da Mancomunidade que debía ter asumido a renovación doutros equipos:

 

  • Máis dun cento de colectores do lixo deberían ter sido substituídos pola Mancomunidade ó estar danados, por distintas causas, ou ter desaparecido dalgúns puntos. Isto impide unha correcta separación por parte dos veciños e condiciona tamén a compostaxe e reciclaxe dos residuos na planta. O Complexo xa informou á Mancomunidade desta necesidade mediante un informe detallado.

 

  • A volteadora, maquinaria imprescindible para a elaboración do compost, leva máis de cinco meses avariada e sen funcionar. No canto estase empregando outra maquinaria non indicada para estas tarefas. Esta situación impide o normal desenvolvemento da actividade de compostaxe da instalación. Ademais, isto está sometendo a un estrés excesivo e prexudicial a maquinaria coa que conta para a realización do compost, estrés que trae como consecuencia directa o acurtamento da vida útil desta maquinaria.