O Complexo Medioambiental Serra do Barbanza presenta a nova edición do programa de educación ambiental “O lixo desde o teu concello”. Xunto coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, ofertaránse un total de once actividades diversas dirixidas ás diferentes idades dos participantes.
Os concellos da Mancomunidade (Brión, Lousame, Noia, Porto do Son, Muros, Ames, Pontecesures, Carnota e Rois) poderán acollerse ás diferentes actividades como charlas ou obradoiros que xirarán arredor da xestión dos residuos, a reciclaxe e aos hábitos de consumo, entre outros. Tamén terán a oportunidade de visitar a planta de Lousame, onde poderán coñecer cómo se desenvolven as tarefas de xestión de residuos nas nosas instalacións.
Educación ambiental para todas as idades
“O lixo desde o teu concello” trátase dun programa de educación ambiental no que prima a aprendizaxe sen esquecer a diversión, pois ser máis respectuosos co medio ambiente amais de coidar da nosa contorna pode ser divertido.
O programa compónse dun total de once actividades para todas as idades dos participantes e teñen como obxectivo promover actitudes de respecto e coidado do noso entorno, de concienciación e crítica do uso excesivo do plástico e embalaxes, promover unha axeitada separación dos residuos desde os nosos fogares, así como tamén fomentar o principio das 3 Rs: Reducir, Reutilizar e Reciclar.
Todas as actividades recollidas no programa completaránse con material de consulta sobre a problemática do lixo e cáles son as solucións para que así entre todos poidamos contribuír no coidado e preservación do medio.
Trátase dun programa que pretende ser activo, no que participen todos e todas para achegar un pouco máis a temática dos residuos e a súa xestión a todos os ámbitos da sociedade e seren así conscientes das implicacións sociais, ambientais e económicas que ten o lixo.
Visitas guiadas, charlas e obradoiros
Co programa “O lixo desde o teu concello” propoñemos diferentes actividades de Educación Ambiental na Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza co obexctivo de fomentar a redución, reutilización e reciclaxe dos residuos. Un principio, o das 3 Rs que os participantes poderán coñecer tamén a través das visitas guiadas á planta de Lousame. Con esta actividade, os maiores de 14 anos, poderán coñecer máis de preto o tratamento do lixo que se leva a cabo nas nosas instalacións.
Amais da visita á planta, as actividades, de balde e para todos os públicos, que completan o programa consisten en charlas e obradoiros adaptados ás idades dos participantes. “Ecoauditoría” dos centros para inspeccionar a xestión dos residuos nos mesmos a atopar as solucións para mellorar a separación dos residuos, charlas de compostaxe e creación dun composteiro, obradoiros de reciclaxe de papel ou de construcción e fabricación de obxectos a partir dos residuos domésticos ou mesmo analizar os compoñentes tóxicos de productos que podemos atopar en calquera fogar son só algúns exemplos das actividades ofertadas.
Participación no programa “O lixo desde o teu concello”
Poderánse acoller ao programa todos os concellos, centros de ensino, asociacións de veciños, culturais e calquer outra organización e entidade social, ambiental e empresarial que pertenzan á Mancomunidade da Serra do Barbanza.
Para participar nos obradoiros os interesados poden acceder á web de ADEGA ou contactar a través do correo electrónico da asociación: residuos@adega.gal. Para as visitas guiadas á planta de Lousame os participantes poden dirixirse á páxina web do Complexo Medioambiental Serra do Barbanza.