Reciclar en tempos de coronavirus

O obrigado confinamento da poboación para frear o avance da pandemia do coronavirus trae consigo moitos cambios nas nosas rutinas, e iso tamén se fai notar no lixo. Cando  se cumpre un mes dende que se declarou o estado de alarma por mor da crise sanitaria Covid – 19, os fogares durante a corentena xeran máis residuos. Este aumento na produción de residuos está directamente relacionada co maior tempo no que a poboación pasa nas súas casas e que por conseguinte, consomen máis envases, cartón e vidro así como tamén aumentan os residuos orgánicos.

 

Aumento do volumen do lixo nos fogares

 

Do que levamos de confinamento na maioría dos concellos da nosa comunidade o aumento do lixo é notorio. Unha situación da que tamén da conta o Complexo Medioambiental Serra do Barbanza, que reflexa un aumento do lixo en torno ao 10%.

Se temos en conta o período do 23 de marzo ao 5 de abril, no tocante ás fraccións de residuos inorgánicos municipais (FIRM) incrementouse nun 10 % pasando de 709,5 toneladas en 2019 ás 780 toneladas neste ano.

Ao que se refire á FORM (fracción orgánica de residuos municipais), ésta aumentou arredor do 12 %. Isto é, se no ano anterior se recolleron 325 toneladas, en 2020 xa son 364,5 toneladas.

 

 

Reciclar en tempos de coronavirus

 

Malia o estado de alarma sanitaria no Complexo Medioambiental Serra do Barbanza, a recollida de cartón, vidro, pilas e enseres, ao igual que a xestión de materia orgánica na planta, continúa funcionando con normalidade e con tódalas garantías de seguridade e hixiene. Con todo, para que isto siga así, é preciso que nos fogares se manteñan os hábitos dunha correcta separación dos residuos. Reciclar é necesario, e máis ainda ao aumentar a produción de lixo neste período de confinamento: envases, embalaxes, bandexas de alimentos…

Tamén, son moitas as persoas que invirten o tempo no confinamento para arranxar e limpar rochos. Estas tarefas de limpeza fan que na maioría das casas desboten todo aquilo que non lles serve ou lles sobra: roupa, mobles, aparellos de cociña ou baño, aparatos electrónicos e eléctricos… Hai que lembrar que este tipo de residuos non se poden desbotar  nos contenedores de lixo orgánico e no tocante a mobles e RAEEs deben depositarse sempre nos Puntos Limpos.

 

Lembra que reciclar en tempos de cornonavirus é posible e tamén, necesario.