O Complexo Medioambiental do Barbanza lembra a importancia de depositar os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEEs) nos puntos limpos ou nos establecementos comerciais onde se adquiren os novos aparatos eléctricos. É máis, para certos volumes de superficie comercial están obrigados a recoller este tipo de instrumentos aínda que o consumidor non adquira un novo, tal e como recolle o Real Decreto sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos.
Ante a chegada de contedores con máis de 1,5 toneladas ao ano destes materiais mesturados co resto residuos á planta do Barbanza, é imprescindible recordar a prohibición de depositar estes aparellos nos colectores da rúa, tal e como figura no símbolo que traen marcados os instrumentos desta índole. Estes aparatos conteñen elementos contaminantes na súa composición que afectan negativamente ao medio ambiente e á saúde, como os metais férricos, os plásticos, o cobre ou o aluminio. Por iso, as campañas de sensibilización e concienciación por parte das administracións públicas sobre este tema son indispensables.
A importancia da colaboración de todos os axentes
Para conseguir combater os efectos negativos dos vertidos incontrolados, evitar que os RAEEs se depositen de forma inadecuada así como tamén concienciar á sociedade nesta materia, é relevante que todos os axentes que participan no proceso colaboren: os fabricantes destes aparellos, Administracións públicas, xestores de residuos, asociacións de comerciantes e os propios distribuidores de electrodomésticos.
Non podemos esquecernos da importancia de que a información sobre esta materia chegue á toda a sociedade. É máis, o artigo 51 do Real Decreto sobre os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, establece que é obriga das Administracións locais e autonómica informar ao cidadán.
No Real Decreto especifícase que serán as Administración locais as encargadas de advertir aos usuarios sobre os aspectos relacionados coa recollida no ámbito municipal, e no caso de non contar cos medios suficientes, esta competencia pasa a ser da Administración autonómica. Como por exemplo, a obrigación dos usuarios de entregar os RAEE separados do restos dos residuos municipais e de non depositalos na vía pública, ou de informar das instalacións e dos medios previstos para a recollida separada dos RAEE nos propios concellos.
As campañas informativas e de sensibilización son ferramentas imprescindibles para que a sociedade sexa consciente dos danos que se pode causar ao medio ambiente se non se xestionan e tratan correctamente os aparatos eléctricos e os electrodomésticos. Estes aparellos poden conter cadmio, mercurio, chumbo, arsénico, fósforo, aceites perigosos, e gases que esgotan a capa de ozono ou que afectan ao quecemento global. É por iso, que todas as etapas da xestión, dende a súa recollida, almacenamento, transporte e tratamento deben facerse nunhas condicións seguras, sen mesturar con outros fluxos de residuos (recollida separada) e que eviten manipulacións ou roturas que poidan liberar este tipo de sustancias perigosas ao medio ambiente ou expoñer aos traballadores que están en contacto con estes residuos, durante o seu tratamento a substancias perigosas.