Celébranse dúas actividades de educación ambiental no Barbanza pola Semana Europea da Prevención de Residuos

O próximo sábado día 20 de novembro terá lugar unha nova actividade do plan de concienciación da planta de residuos da Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) realizará dúas accións nas que participarán as asociación “Noia Limpa” e a “Asociación de Veciños de Barro”:

 

  • 11:00 horas: Limpeza de praias, na que se incluirá unha caracterización dos residuos. O punto de saída será Abruñeiras (Noia).

 

  • 12:30 horas: Obradoiro “Substituíndo Tóxicos no fogar” no local da Asociación de Veciños de Barro. Trátase dun obradoiro no que se aprenderá a “comprobar a cantidade de tóxicos que temos no noso o fogar e coñeceremos a súas alternativas ecolóxicas”.

 

Ambas actividades coinciden coa Semana Europea da Prevención de Residuos, que se celebra desde o 20 ao 28 de novembro. Nela, ADEGA “reivindicará de novo o modelo de xestión de residuos da Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza como o sistema de xestión dos residuos galegos máis eficiente para a redución de lixo”. Esta xestión está baseada na compostaxe da materia orgánica en planta e recollida separada do resto das fraccións. Segundo a asociación, as actividades de educación ambiental son chave para a mellora da separación en orixe da cidadanía.

 

A asociación ecoloxista lembra que todas a entidades e centros de ensino da Mancomunidade do Barbanza poderán acollerse a este programa de actividades de forma gratuíta. Para máis información, é posible contactar co equipo de educación ambiental de ADEGA:

 

Teléfono: 981 57 00 99 / 628 978 804

Email: residuos@adega.gal