A semana máis internacional da compostaxe

Ao longo de toda esta semana celébrase a Semana Internacional do Compost (ICAW- International Compost Awareness Week). E este ano é de dobre celebración, pois cúmprense 25 anos do seu nacemento en Canadá en 1995. Co paso dos anos  son moitos os países que se foron adherindo a esta iniciativa.

O obxectivo é a de organizar durante a mesma semana e en diferentes países, un conxunto de actividades de sensibilización e información sobre o compost. Así e todo, desta volta será diferente pola situación de emerxencia sanitaria na que nos atopamos polo COVID-19.

Dende o Complexo Medio Ambiental Serra do Barbanza queremos sumarnos a esta iniciativa e ao longo desta entrada achegaremos un pouco máis de información sobre a compostaxe e os seus beneficios.

 

Qué é o compost?

O compost é o produto que resulta da descomposición aerobia da materia orgánica a través do proceso de compostaxe, que reutilizado no sector agrícola, é unha ferramenta para a mellora da fertilidade dos solos e dos cultivos. De aí que este ano o lema do Día Internacional do Compost sexa “Ao solo gústalle o compost”. A incorporación co compost no chan aporta unha mellora da súa estabilidade estructural, aumenta a súa capacidade de retención de auga, reduce a erosión e evaporación e regula o ph e a actividade microbiana do solo.

Unha das súas principais vantaxes é a súa alta manexabilidade, moito máis que os estercos, non produce cheiros e diminúe o risco de contaminación. Amais, a compostaxe conleva menos perdas de nitróxeno se o comparamos cos estercos.

 

Modelos de compostaxe na actualidade

 Desde a antigüidade a compostaxe é unha práctica cotiá en boa parte das culturas do mundo, e en Galicia,  os labregos e labregas empregaron o compost como un xeito de estabilizar os nutrientes do estercos e outros residuos para empregalos despois como fertilizantes.

Na actualidade existen diferentes modelos de compostaxe:

Compostaxe individual: instalación dun composteiro ou pía na horta ou xardín anexos á vivenda. A familia encárgase de xestionar a fracción orgánica co fin de obter compost.

– Compostaxe comunitaria: sitúase nunha zona común a un conxunto de vivendas, por exemplo, o xardín dunha urbanización. Require un mínimo de organización para manter as condicións axeitadas no composteiro.

– Compostaxe en zonas públicas: semellante ao anterior, pero o composteiro desta volta instálase en zonas públicas como poden ser os parques municipais. Encárgase do composteiro o persoal da institución e o compost utilízase nos mesmos lugares.

– Compostaxe en planta: Require da instalación dunha planta de compostaxe e o transporte da fracción orgánica proveniente da recollida selectiva. Existen dúas modalidades:

  1. Dixestión anaerobia: levada a cabo en ausencia de osíxeno e da que se obtén gas metano de utilidade enerxética e un residuo ou dixerido que despois pode ser transformado en compost nun proceso adicional de compostaxe aerobia.
  2. Compostaxe aerobia: precísase osíxeno para o desenvolvemento de organismos aerobios. O compost resultante pode ter diferentes calidades e comercializarse para diferentes usos como poden ser a restauración de canteiras, a emenda de xardíns, a fertilización agrícola etc.

 

Sexa al sexa a modalidade a que nos acollamos, para obter un compost con todas as calidades, a súa elaboración debe ser adecuada e controlada, sendo preciso contar con instalacións adecuadas.

 

O CM da Serra do Barbanza e o compost

O Complexo Medioambiental da Mancomunidade da Serra do Barbanza aposta pola elaboración de compost de calidade. De aí que colabora e apoia campañas de sensibilización de compostaxe caseira pero tamén fai unha aposta pola compostaxe nos centros educativos.

Amais, un dos principiais obxectivos da planta do Barbanza é a elaboración de compost, e todo o seu sistema de xestión de residuos está pensado para fomentar a súa elaboración. Tendo en conta que a materia orgánica é preto do 50 % do lixo que producimos a diario, no CM Barbanza apostamos por mellorar a calidade da terra a través da compostaxe. Así,  a materia orgánica recollida selectivamente transfórmase, por medio dun proceso natural de fermentación e de maduración por vía aerobia, nun abono orgánico. No compost que devolve á terra os materiais que previamente foron extraídos dela, pechando así o ciclo.