O Complexo Medioambiental do Barbanza (Lousame, A Coruña) leva xestionando dende o ano 2003 os residuos domésticos de 9 concellos e 86.000 habitantes. O sistema de recillida selectiva implantado é o húmido-seco, que o MITECO cataloga como tipo 2. Isto consiste na separación da fracción orgánica e inorgánica, ademais das fraccións vidro e papel-cartón. Con este modelo de separación e segundo os últimos datos publicados polo MITECO en 2018, o CM Barbanza obtén uns resultados de recuperación de envases para a súa posterior reciclaxe moi superiores ao modelo maioritario en Galicia (modelo SOGAMA), que conta co contedor amarelo para envases. Así, os ratios de recuperación do CM Barbanza no 2018 foron de 13kg/habitante ano, fronte a 51kg/habitante ano do modelo SOGAMA.
Os residuos de envases recuperados no CM Barbanza cumpren as Especificacións Técnicas de Materiais Recuperados (ETMRs) establecidas por Ecoembes e teñen como destino os xestores autorizados designados polo SCRAP, aceptando os diferentes subprodutos recuperados para a súa posterior reciclaxe. Ademais, os resultados de xestión do CM Barbanza amosan o cumprimento dos obxectivos cuantitativos de reciclaxe para o ano 2025, fixados tanto na Lei de residuos de Galicia (Lei 6/2011) como no Proxecto de RD de envases e residuos de envases (versión de setembro de 2021).
Cabe destacar que os envases recuperados no CM Barbanza, procedentes do contedor de fracción inorgánica, cumpren a primeira condición da directiva de residuos, pois satisfacen os requisitos de calidade establecidos por Ecoembes para o seu destino a reciclador. Ao cumprimento da calidade dos envases é preciso sumarlle o potencial de mellora na eficiencia da recuperación co modelo húmido-seco, posto de manifesto na comparativa deste modelo respecto ao modelo de contedor amarelo maioritaro na comunidade galega (cifras 4 veces superiores); e o cumprimento dos obxectivos marcados para o ano 2025.
Existen evidencias de que este modelo de recollida separada de materiais consegue mellores resultados na reciclaxe que a recollida selectiva de envases con contedores de cores. Tanto é así, que o modelo húmido-seco do CM Barbanza resulta ser 4 veces máis eficaz e eficiente que o modelo de contedor amarelo implantado de forma maioritaria en Galicia. Posiblemente, trátase da mellor forma de atender á recollida de residuos en poboacións de tamaño mediano. Segundo Rethinking (observatorio de residuos), o modelo húmido-seco preséntase como un modelo de recollida selectiva avalado pola normativa vixente e que é capaz de separar os fluxos de materiais en consonancia coas esixencias técnicas das plantas de recuperación, presentando o coste de explotación con máis vantaxe con respecto ao resto de modelos de recollida selectiva.