Un ano máis, a Semana Europea da Prevención de Residuos, EWWR nas súas siglas en inglés (European Week for Waste Reduction), recórdanos a necesidade de volcarnos nun consumo responsable e a redución da cantidade de refugallos que xeramos como base da xestión sostible dos mesmos nun marco de economía circular.
Na edición deste 2019, que se celebra na semana do 16 ao 24 de novembro, intentarán, ao igual que nas anteriores, chegar ao maior número de cidadáns para que nos involucremos e realicemos as nosas aportacións para a prevención de residuos. De aí que o Complexo Medioambiental Serra do Barbanza tamén nos sumemos a esta iniciativa, centrándonos na problemática ocasionada pola contaminación de plásticos nos nosos ecosistemas.
Como xa apuntamos en anteriores entradas deste blog, a contaminación por plásticos é un dos principais problemas ambientais e económicos desta década. A demanda europea de plástico achégase aos 49 millóns de toneladas ao ano, das cales o 40%, uns 20 millóns de toneladas, destínanse a envases de usar e tirar. Deste plástico só se recicla un 30% (media europea), o 70% restante acaba en vertedoiros, incineradoras ou abandonado no medio ambiente.
En Galicia, a cantidade de envases recuperados sitúase nos 11,7 kg/habitante ao ano segundo os datos recollidos por Ecoembes en 2018, moi por debaixo da media europea. Malia a media galega, a comunidade conta con excepcións que se achegan máis aos obxectivos de recuperación de envases marcados por Europa.
Un exemplo delo, son as cifras rexistradas no Complexo Medioambiental do Barbanza, que en 2018 alcanzou unha media de máis de 31 kg de envases recuperados por habitante ao ano, e a tendencia é seguir incrementando. O volumen de residuos (fracción de envases que inclúen plásticos, briks e recipientes metálicos de distinto tipo) recuperados e enviados para a súa reciclaxe creceu durante o exercicio pasado un 2% e ascendeu a máis de 2.810 as toneladas de envases recuperados, fronte ás 2.725 rexistradas o ano anterior.
Menos plásticos para conseguir máis vida para o noso planeta
Ben é sabido que o plástico está a ser unha ameaza para o noso planeta, de aí a importancia de reducir o seu consumo e evitar un maior deterioro do noso medio natural. Tomando como exemplo da realidade actual, que no mundo mércanse un millón de botellas de plástico por minuto e empréganse 160.000 bolsas por segundo (cunha vida útil de menos de 15 minutos), resulta primordial que os cidadáns mudemos os nosos hábitos para conseguir máis vida para o noso planeta. Aquí vai unha relación de pequenas accións coas que podemos contribuír na redución do consumo de plásticos:· Levar sempre unha bolsa de tela para evitar o uso dunha de plástico e ademais podemos aforrar os 5 céntimos que cobran por ela.· Levar bolsa tamén para froitas e verduras.· Elixe produtos sen envoltorios ou bandexas de plástico e merca no teu barrio produtos a granel.· Usar e levar cantimplora para non mercar botellas de plástico. Se é preciso mercar, optar por envases de vidro.· Non empregues palliñas, pois non son necesarias.· Substituír o film ou papel de prata por recipientes para reutilizar (tuppers), de vidro son a mellor opción.· Deixar de mercar alimentos conxelados e precociñados. Unha opción é cociñar máis cantidades para logo conxelar. Optimizamos así tamén o tempo invertido na cociña.· Empregar cápsulas reutilizables de café no tocante das de usar e tirar. · Con bebés: usar cueiros de tela e esponxa, auga e xabón no tocante das toalliñas húmidas. · Para fumadores: non esquecer levar un cinceiro portátil.
A prevención de residuos é sen dúbida a opción ambientalmente máis eficiente, evitando a xeración de GEI (gases de efecto invernadoiro) derivados do tratamento como é a produción da materia prima. Evitar a sobre-embalaxe dos productos, mercar productos a granel e de cercanía, prescindir da bolsa de plástico, etc, son algunhas prácticas que fomentan a minimización dos residuos e polo tanto contribuimos á vez, na redución dos gases de efecto invernadoiro.
A reutilización e a reciclaxe implican tamén grandes aforros de emisións, transformando materiais de refugallo en recursos valiosos. É imprescindible realizar unha correcta separación en orixe desde as vivendas para maximizar a calidade dos materiais e reciclar e minimizar a eliminación de rexeitamenos.
Mudar os hábitos tamén é cousa das empresas
Mudar o noso xeito de consumir parte amais de que as grandes empresas aporten solucións reais á problemática dos plásticos. Estas, deben reducir a xeración de residuos e do uso de recursos naturais, e isto irremediablemente implica o uso de alternativas duradeiras e reutilizables. Son moitas as asociacións, como por exemplo Amigos da Terra, que levan denunciando hai anos a “falsa solución que representan os plásticos biodegradables”. Aseguran que seguen a ser materiais de usar e tirar e non solucionan nin reducen o problema, así como tampouco se diminúe a extracción de materias primas nin a produción de residuos.
Recentemente a plataforma Break Free from Plastic presentou un informe no que sinalaba ás empresas que máis contaminan con plásticos, o “BRANDED Volume II: Identifying the World’s Top Corporate Plastic Polluters”.
Mudar os hábitos de consumo de plásticos comeza tamén por que as empresas muden e reduzan o seu uso en orixe.
A EWWR 2019
A Semana Europea de Prevención de Residuos, EWWR, é unha iniciativa que ten como eixo principal promover e implantar durante toda unha semana accións de sensibilización sobre recursos sostibles e xestión de residuos. Tivo a súa primeira edición no ano 2009 e trátase dunha iniciativa co- financiada polo programa LIFE, da Comisión Europea.
Amais de coordinar accións de sensibilización durante unha semana, desenvolven e promocionan Xornadas Temáticas de Prevención, que nesta edición 2019 xira arredor da educación e da comunicación ambiental e fáino baixo o lema “Mude a súas formas, reduza os seus residuos! “.
O abandono do caduco modelo de economía lineal, baseado nas prácticas de usar e tirar, é a día de hoxe unha prioridade, máis aínda na realidade na que vivimos, pois os expertos falan xa de emerxencia climática. O tránsito cara un modelo circular convértese xa nunha obriga: manter os produtos o maior tempo posible na economía, reducir a produción de refugallos e recuperar os materiais contidos nos mesmos para transformalos en novos recursos. Tres eixos fundamentais que constitúen a base dun sistema que aposta por pechalo círculo e evitar así o consumo masivo de materias primas.
EWWR 2019 destaca que xunto cos responsables políticos, os productores e outras partes interesadas, os consumidores desempeñan un papel chave para resolver os desafíos plantexados coa correcta xestión dos residuos e coas sostibilidade no seu conxunto. Por iso, ter acceso á información baseadas en evidencias científicas e adaptar os hábitos diarios a outra forma de consumir e vivir, é imprescindible para diminuír os desperdicios na sociedade actual.
Precisamente mudar as pautas de conduta son unha prioridade para a EWWR 2019 e quere retar á poboación a mudar o seu comportamento e tamén ensinar cómo facelo a través de actividades de comunicación e sensibilización.