Diferentes organizacións de Galicia participarán na folga polo clima que se celebrará hoxe venres 27 de setembro a nivel internacional. Máis de 50 asociacións e colectivos subscribiron o manifesto do Movemento Galego polo Clima para “pedir aos gobernos medidas efectivas fronte á crise climática”.
O manifesto dos grupos ecoloxistas galegos consta de demandas nas que o movemento insta a todas as institucións a “declarar e asumir a emerxencia climática como un grave problema”; “tomar medidas reais e efectivas para a eliminación de emisións de gases de efecto invernadoiro” e “acordar medidas para loitar contra a contaminación do CO2“.
A xestión dos residuos e o cambio climático
Desde o CM Barbanza lémbrase a influencia do transporte e o tratamento dos residuos nas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), e fai un chamamento a aplicar as mellores prácticas para reducir estes efectos.
Segundo afirma o Grupo Intergubernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPPC), se se quere manter o quecemento global moi por debaixo dos 2°C, a reducción das emisións de gases de efecto invernadoiro de todos os sectores é fundamental, e o sector dos residuos non é unha excepción. A influencia global das actividades de xestión de residuos sobre o balance de emisións de GEI é moi relevante, ao liberar dióxido de carbono (recollida, transporte, incineración) e metano (vertido de residuos biodegradables).
Así, a prevención de residuos é sen dúbida a opción ambientalmente máis eficiente, evitando a xeración de GEI debidos ao tratamento como á producción da materia prima. Algunhas prácticas que fomentan a minimización dos residuos son: evitar a sobre-embalaxe dos productos, mercar productos a granel e de cercanía, prescindir da bolsa de plástico, etc.
A reutilización e a reciclaxe implican tamén grandes aforros de emisións, transformando materiais de refugallo en recursos valiosos. É imprescindible realizar unha correcta separación en orixe desde as vivendas para maximizar a calidade dos materiais e reciclar e minimizar a eliminación de rexeites.
A compostaxe dos residuos biodegradables (restos de comida, poda, etc) separados en orixe nos concellos adheridos ao CM Barbanza permite obter compost para os solos agrícolas e de xardinería, mellorando o crecemento dos cultivos e evitando a súa erosión.
A práctica da compostaxe caseira e comunitaria permitirá ademáis aforrar os GEI asociados ao transporte da metade dos residuos que producimos a diario.
Concentracións e manifestacións polo Clima
Este venres 27 de setembro hai convocadas concentracións e manifestacións nas cidades e vilas galegas para reclamar “accións urxentes” que fagan “fronte ao cambio climático” e que “garantan un futuro para as xeracións máis novas”, así como tamén se anima a realizar unha “folga de consumo” durante ese día.