Cada 17 de maio conmemórase o Día Mundial da Reciclaxe e aínda que a moitos nos gustaría que tódolos días a reciclaxe fose protagonista, esta data brinda a oportunidade para redobrar o empeño na tarefa de concienciación e sumar esforzos entre todos nesta tarefa. O motivo de que se celebre este día é crear conciencia arredor da importancia que ten a reciclaxe no devir do planeta. Este é un día para reciclar ó máximo, para pararse por un intre e pensar como podemos cada un de nós reciclar aquilo que non podemos reutilizar, porque, non podemos esquecer que a reciclaxe é o último paso pero antes de desbotar debemos ter presentes outras erres igual de importantes como a de Reutilizar. Esta celebración é unha oportunidade ideal para comezar a cambiar hábitos e incluír rutinas de separación de residuos nos fogares que leven a lograr unha maior reciclaxe.
Aínda que a orixe desta celebración parece non estar moi clara, estímase que foi instaurada en 1994 nos Estados Unidos e que logo se foi estendendo a outros países. Non sería ata o 2005 cando a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco), establecería o Día Internacional da Reciclaxe.
Como celebrar a reciclaxe?
Reciclando. O mellor xeito para conmemorar este día é avogando pola reciclaxe con feitos, con pequenos xestos que incen a sociedade de hábitos a prol da reciclaxe. Pero se es dos que xa tes a reciclaxe interiorizada, outro xeito de celebrar o Día Mundial da Reciclaxe pasa por colaborar na difusión da mensaxe, divulgar no teu entorno a importancia de reciclar. Que mellor ocasión para abordar a reciclaxe que no seu día? Non quedes quieto, recicla e cóntao!
Que nos aporta reciclar?
Se aínda te estás a preguntar por que reciclar, sobran os motivos:
-Reduce o volume de residuos que se xera.
-Preserva os recursos naturais, o que contribúe a conservar o medio ambiente.
-Aforra enerxía. En moitos casos a reciclaxe supón unha opción cun gasto enerxético máis reducido co que implicou construír por primeira vez.
-Redúcese a contaminación.
-Redúcense os custos. Reciclar supón, moitas veces, unha alternativa máis económica.
-A reciclaxe permite incluso devolverlle á terra o que se extraeu dela. É o caso, por exemplo, da reciclaxe da materia orgánica, a través da compostaxe poden volverse nutrientes á terra en forma de compost. Outra maneira de celebrar este día pode ser comezar a participar nela dun xeito aínda máis activo mediante a compostaxe na propia casa. Unha opción sinxela e práctica para aqueles que dispoñan de xardín ou horta e coa que se fomenta a redución xa que estes residuos non entrarán no circuíto de transporte e tratamento do lixo, reducindo enerxía e a contaminación que implica este proceso.
Erres ecolóxicas
A celebración do Día Internacional da Reciclaxe é un bo momento para afondar tamén noutras erres ecolóxicas da chamada Economía Circular nunha aposta por non quedar só na reciclaxe e procurar unha redución do impacto que os residuos xeran no medio. Logo de que as 3R (Reducir, Reutilizar e Reciclar) chegasen ó seu fin, a Economía Circular, paradigma aceptado tanto no mundo da reciclaxe como da economía, propón un modelo cíclico e sostible onde prima a redución, como camiño previo á reciclaxe. Nesta nova proposta toma protagonismo a reparación como ferramenta clave antes da reciclaxe e tamén a necesidade de repensar e refabricar adecuándose a criterios sostibles medioambientalmente. Todo ilo no camiño de reducir o impacto no medio ambiente.