Compost do Barbanza, unha aposta pola calidade da terra

 

O Complexo Medioambiental da Mancomunidade da Serra do Barbanza aposta pola elaboración dun compost de calidade, un proceso que permite un aproveitamento directo dos residuos orgánicos logo dun tratamento natural.

Precisamente un dos principais obxectivos da planta do Barbanza é a elaboración do compost, e todo o seu sistema de xestión de residuos está pensado para fomentar a súa elaboración. Con esta proposta búscase fomentar o aproveitamento dos restos orgánicos á par que se contribúe a incrementar o reciclado do resto de residuos.

  • ¿Que é compost?

Coñécese como compost a materia orgánica que foi estabilizada ata transformarse nun produto similar ás sustancias húmicas do solo. Este composto debe estar libre de patóxenos e malas herbas. Ademais, este produto non atrae insectos ou vectores. O compost pode ser manexada e almacenada sen ocasionar molestias. En definitiva, o compost é un xeito de devolverlle á terra os materiais que lle foron extraídos. Así, o compost, é beneficioso para o solo e favorece o crecemento das plantas.

  • Como se elabora o compost no Centro Medioambiental do Barbanza?

A elaboración do compost comeza coa chegada das bolsas coa materia orgánica á planta, onde pasan por un método electromecánico no que unha coroa de pinchos rompe as bolsas o que permite que os restos de comida pasen por unha peneira rotatoria de 7 centímetros de luz de malla para sometérense a compostaxe. Así, a materia orgánica recollida selectivamente transfórmase, a través dun proceso natural de fermentación e de maduración, nun abono orgánico chamado compost, que devolve á terra os materiais que previamente foron extraídos dela.

A compostaxe lévase a cabo mediante a acción de microorganismos presentes de forma natural nos restos orgánicos ata formar o compost. Neste caso, o proceso realízase por vía aerobia, iso implica a presenza de osíxeno, sendo tamén necesaria a humidade. Durante os 15 primeiros días do proceso, a materia orgánica atópase nunha fase de fermentación, na que hai moita actividade microbiolóxica, precisando regos e volteos frecuentes. Conforme pasa o tempo, vanse reducindo os regos e volteos. Unha vez madurado, está xa estabilizado, sendo válido para a agricultura.

  • Que requisitos debe cumprir o compost?

O compost ten que cumprir unha serie de condicións: unhas propiedades físicas (estar libre de impropios), biolóxicas (libre de patóxenos) e químicas (non pode superar unha determinada cantidade de metais pesados). O compost obtido (Tipo B) é comercializado a granel como “Compost do Barbanza”.

  • Como podemos empregar o compost do Barbanza?

O Compost do Barbanza mellora as propiedades do solo e achega nutrientes ás plantas, favorecendo o crecemento dos cultivos. Dependo do cultivo, debemos aportar o compost dun xeito determinado e cunhas cantidades concretas.

            –Horta: 1 ou 3 Kg/m2 de compost dependendo das hortalizas a plantar. Débese aplicar un mes antes de plantar.

            –Céspede: Se se trata dunha nova plantación, deben engadirse 2-3 Kg de compost por metro cadrado.

                        Se se trata dunha tarefa de mantemento abonda con 0,5 ou 1 Kg/m2

En ambos casos debe aplicarse na primavera ou a comezos do verán.

            –Xardín e plantas: Debe engadirse na primavera unha capa de 2 centímetros de compost e mesturar coa terra.

            –Árbores: Mesturar a partes iguais compost e terra.